No século XX lévase a
cabo unha revisión do verdadeiro significado da arquitectura. A concepción da
obra cambia e xurde unha nova estética que radica na función. Se o edificio
está harmoniosamente distribuído no seu interior, se está integrado na contorna,
se resulta grata a súa habitabilidade, o edificio é belo.
Desligados do
compromiso do pasado, os arquitectos deste século manexan os volumes e os
espazos con criterios absolutamente distintos produto dos novos medio técnicos
e materiais: o ferro e o vidro , formigón
armado e aceiro usaranse de xeito
sistemático, fabricados en serie. O resultado serán edificios con vastos
espazos internos, funcionais, baseados na simplicidade, nas liñas
xeométricas e na planta libre; ademais terase en conta a vinculación do
edificio ao espazo que o rodea.
Xorden agora como edificios
representativos, á par que a tradicional arquitectura de poder (templos,
pazos...) novas tipoloxías, adaptadas á novas necesidades
sociais: vivendas unifamiliares, vivendas colectivas, fábricas, museos...
A comezos do século XX perviven a
Arquitectura Ecléctica e o Modernismo en Europa, e en Estados Unidos
mantense a influencia da Escola de Chicago. Paralelamente xorden as novas
propostas do Funcionalismo, cunha base racionalista, que exercerán a Bauhaus e
Le Corbusier, e o Organicismo, herdeiro tanto da Escola de Chicago coma
do funcionalismo. Ámbalas dúas tendencias conforman o chamado Movemento Moderno.
O Funcionalismo.
É a corrente arquitectónica máis
importante da primeira metade do século XX. En parte, supón unha reacción
contra o exceso ornamental do Modernismo, e o Eclecticismo,
propoñendo supeditar a forma á función.
A semente do
funcionalismo atopámola a finais do século XIX na Escola de Chicago e na
tipoloxía do rañaceos, pero tamén en experiencia de arquitectos europeos
que rexeitan aornamentación formal e calquera tipo de elemento non estrutural,
e propoñendo o uso dos novos materiais como por exemplo Adolf
Loos (“O ornamento é delito”).
Os principios formais desta arquitectura
son os seguintes:
-Innovación nos materiais: uso do
formigón armado, que abre novas posibilidades construtivas, e materiais
modernos coma o vidro e o aceiro.
-Os muros non teñen función de soporte,
o que permite abrir grandes vans e orixina muros-cortina.
-Utiliza como soportes piares de
formigón, con armazón interno de aceiro.
-As cubertas son alinteladas, con vigas
ou pranchas de formigón apoiadas directamente
nos soportes.
-Ausencia de decoración
-Preocupación pola proporción.
-Espazos asimétricos, cunha clara
influencia do cubismo e a abstracción, definindo formas sinxelas e
xeométricas.
-Concepción nova dos espazos internos,
adaptados á función dos recintos, que é posible
grazas á planta libre.
-Exteriores baseados en composicións
ortogonais, con remates a xeito de terraza...que difiren da arquitectura
tradicional.
Le Corbusier foi o principal representante do funcionalismo,
e as súas concepcións arquitectónica e urbanísticas seguen vixentes
nas formas construtivas de moitas cidades actuais. Influído pola estética
cubista, é partidario de volumes nítidos e cúbicos e espazos continuos nos
que o edificio se integra no espazo que o rodea. Os fíos condutores da súa
arquitectura veñen definidos no seu ensaio Os cinco puntos da Arquitectura (
1927):
a) Emprego de pilotes, piares de
formigón apoiados no chan que soportan o peso
do edificio mentres o elevan ao nivel do primeiro piso, liberando así os baixos do edificio.
b) Teito-xardín plano, con usos
recreativos e sociais.
c) Planta libre: a ausencia de muros de
carga, xa que agora as paredes serven de
peche ou abertura, pero non de soporte, reducen os muros
a simples pantallas sen función estrutural polo que cada piso
se distribuirá de maneira independente
aos outros, seguindo criterios funcionais, e espazos lixeiros
e flexibles.
d) Fiestras ao longo da fachada
(horizontais), que facilitan a iluminación do espazo interior
e) Fachada libre entre as súa obras máis salientables atópase Villa
Saboia (na imaxe)
A Bauhaus
Bauhaus é o nome dunha escola de Deseño,
arquitectura e industria fundada no 1919 por Walter Gropius en Weimar
(Alemaña), e que se mantén ata a subida do nacionalsocialismo ao poder. A
súa principal achega radica nos proxectos arquitectónicos
e tamén nunha corrente de estética e deseño funcionalista, na que prima a
funcioanlidade.
Ademais de Gropius, dentro desta escola
destaca a figura de Mies van der Rohe, que dirixirá a Bauhaus de 1930 a
1933. A súa obra caracterízase pola simplicidade e claridade formal, e
pola atención ás proporcións. En 1929 realiza o Pavillón de Alemaña para a
Exposición Internacional de Barcelona. A partir de 1938 traballará en
Chicago, xerando o segundo renacemento arquitectónico desta cidade.
A corrente orgánica
A arquitectura orgánica
é unha tendencia dentro do Movemento Moderno, e comparte con el as súas
características esenciais, ás que engade a busca da humanización da
arquitectura empregando formas máis orgánicas e integrando os edificios na
naturezaque os rodea. Esta concepción arquitectónica foi creada por Frank
Lloyd Wright, arquitecto estadounidense formado na Escola de Chicago; dende
1910 desenvolve un estilo maduro, influenciado pola arquitectura xaponesa e a
arquitectura maia que espertan o seu interese polas relacións entre
arquitectura e natureza.
Nos seus inicios realiza
vivendas unifamiliares coñecidas como as “casas da pradería” en Chicago,
concibidas como estruturas organizadas en torno a un núcleo central , e cuxa
planta libre lle permite despregar o edificio cara a fóra, crecendo coma un ser
vivo. Xoga con terrazas en distintos niveis, xanelas corridas en sentido
horizontal e planos perpendiculares. A súa obra máis representativa a Casa da
Fervenza (na imaxa), onde aproveita ao máximo as posibilidades de integración
entre arquitectura e paisaxe.
No seguinte vídeo podes
ver unha breve explicación, en menos de 5 minutos, do movemento moderno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario