Tras a segunda
guerra mundial, e coa aparición da política de bloques, algúns paises europeos con
Francia e Alemania á cabeza comezan a darlle voltas á posibilidade de crear unha organización europea
de cooperación que contribuíse á recuperación económica e fomentase a harmonía entre os distintos pobos, ó tempo que favorecese a paz e o diálogo.
A conferencia da Haia (1948) propuxo a
creación do Consello de Europa, integrada por dez países: Bélxica, Francia,
Luxemburgo, Países Baixos, Reino Unido, Irlanda, Italia, Dinamarca, Noruega e
Suecia. O seu obxectivo era favorecer o progreso económico e social e promover
os dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Esta institución promoveu
o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, que entrou en vigor en
1953.
Un segundo paso no
proceso de unificación foi a creación, en 1951, da Comunidade Europea
do Carbón e do Aceiro (CECA), que establecía entre os seus membros un
mercado único para estes dous produtos. Foi a primeira institución na cal os
países integrantes (Francia, Alemaña occidental, Bélxica, Italia, Luxemburgo e
Países Baixos) aceptaron a libre circulación de produtos e delegaron a súa
xestión a un organismo común.
O Tratado de Roma e a
creación da CEE
En 1957, os seis
países membros da CECA asinaron o Tratado de Roma, que instituíu
a Comunidade Económica Europea (CEE) e a Comunidade
Europea da Enerxía Atómica (EURATOM). O seu obxectivo era a abolición
das barreiras aduaneiras, a libre circulación de mercadorías, servizos,
capitais e persoas entre os países membros e o desenvolvemento dunha política
económica común.
O Tratado
atribuíalles ás institucións comúns a competencia exclusiva en tres eixes da
política económica: transportes, agricultura e comercio exterior. Durante a
década de 1960 avanzouse na posta en práctica dunha Política Agrícola
Común (PAC) e na mellora das redes de transporte.
A realización
destas políticas apoiábanse nunha transferencia de competencias dos Estados
cara á CEE e nun orzamento comunitario formado a partir dos ingresos monetarios
que realizaban os Estados membros. Este orzamento actuaba como unha forma
redistribuidora da riqueza, porque os países con maior renda achegaban máis
para axudar ao crecemento dos menos avanzados.
Os éxitos da CEE
propiciaron que un bo número de países solicitasen a súa integración. En 1973
asinaron a adhesión Irlanda, Reino Unido e Dinamarca. Grecia sumouse en 1981;
España e Portugal en 1986, e Austria, Finlandia e Suecia, en 1995. A Europa dos
Seis converteuse na Europa dos Quince.
A ampliación da Unión
Europea
A comezos da década de 1990, no contexto da
desaparición dos bloques e a progresiva imposición dunha economía globalizada,
os países da Europa occidental acordaron outorgarlle un maior peso á Comunidade
Económica Europea (CEE).
O Tratado de Maastricht
En 1992 avanzouse un paso máis co Tratado da Unión
Europea (TUE), coñecido tamén como Tratado de Maastricht. Constitúe unha pedra
angular no proceso de integración europea, pois por primeira vez
dábaselle unha vocación de unidade política. O Tratado de Maastricht consagrou
oficialmente o nome de Unión Europea (UE), e instaurou tres grandes eixes de
políticas comúns:
> As políticas nas que
os Estados cederon soberanía e adoptan decisións comunitarias:
o mercado único, a unión monetaria, os fondos estruturais e de cohesión etc.
> As Políticas de
Exterior e de Seguridade Común (PESC), fundamentadas na cooperación
entre gobernos.
>As políticas en temas
como terrorismo, inmigración, política de asilo, tráfico de drogas etc. A
creación da Europol, xerme dunha futura policía europea, é un dos proxectos
resultantes.
O Tratado creou, ademais, a cidadanía europea,
que lles permite ás persoas circular e residir libremente nos países da UE, e
establece o dereito a votar e a ser elixido no Estado de residencia para as
eleccións europeas e municipais.
Entrou en vigor en novembro de 1993. Nel prevíase a
súa propia revisión, á vista das sucesivas ampliacións da Unión. Deste xeito,
en 1997, co Tratado de Amsterdam, afirmáronse os principios de liberdade,
democracia e respecto dos dereitos humanos, e en 2001, o Tratado de Niza
reestruturou todas as institucións europeas.
A Europa dos 28
O 1
de xaneiro de 1995 tivo lugar a cuarta ampliación da Unión Europea coa entrada
de Austria, Finlandia e Suecia. Nacía a Europa dos Quince.
Así
mesmo, tras longas negociacións para permitir que os países da Europa do Leste
adecuasen as súas lexislacións ás esixencias da UE, en materia económica e en
respecto aos dereitos políticos e sociais, o 1 de maio de 2004 produciuse a
adhesión de dez novos Estados: Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría,
Letonia, Lituania, Malta, Polonia, República Checa e Chipre; en 2007, sumáronse
Bulgaria e Romanía; e en 2013, Croacia.
A
Unión Europea converteuse nunha potente organización de 28 Estados, con
realidades moi diferentes de tipo social, económico, histórico e político, pero
co obxectivo común do compromiso democrático e o progreso económico.
A saída de Reino Unido este mesmo ano despois do Brexit, abre numerosas dúbidas a cerca do fururo da UE.
As institucións comunitarias
Desde a súa fundación, a CEE creou unhas institucións e unha lexislación comunitarias á vez que os países membros foron delegando unha parte da súa soberanía a estas institucións supranacionais.
O Parlamento Europeo é a institución que garante a participación cidadá nas institucións da Unión. Os seus membros son elixidos polos cidadáns cada cinco anos, nunha cantidade proporcional á poboación de cada Estado. Reúnese en Estrasburgo (Francia) e en Bruxelas (Bélxica).
A moeda única, o euro
O Tratado da Unión Europea estableceu a Unión Económica e Monetaria, e creouse unha moeda única, o euro, para garantir a libre circulación de capitais.
O euro entrou en circulación o 1 de xaneiro de 2002 en once países da UE: España, Portugal, Italia, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Francia, Alemaña, Austria, Irlanda e Finlandia; aos que máis tarde se lles sumaron Grecia, Eslovenia, Malta e Chipre, sumando un total de 320 millóns de habitantes.
O Banco Central Europeo encárgase de coordinar as políticas económicas e de garantir o funcionamento da nova moeda.
No seguinte vídeo podes ver unha breve explicación do proceso de creación da Unión Europea:
ACTIVIDADES:
1.- Explica que países crearon a Unión Europea e explica cales se foron adherindo paulatinamente (indica ano e países).
2.- Observa o esquema e explica cales son as principais institucións eropeas, indicando a súa finción.
3.- Cando se se produxo a introdución do Euro como moeda? Fala cos teus pais e avós e para ver que ventaxas e desventaxas atoparon coa introducción da moeda única.
DATA LÍMITE DE PRESENTACIÓN DA ACTIVIDADE:
Enviar por correo electrónico (xeohistoriacidade@gmail.com) indicando no asunto, en primeiro lugar o curso (1ºA/1ºB) e o nome e apelidos (por esta orde). A data límite de presentación é o venres 5 de xuño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario