lunes, 16 de marzo de 2020

2º BACH (ARTE) - BALDAQUINO DE SAN PEDRO DO VATICANO (BERNINI)


FICHA TÉCNICA 
Autor : Bernini
Cronoloxía.  1624-1632
Tipoloxía:  Arquitectura  relixiosa
Estilo: Barroco      



Gian Lorenzo Bernini foi un dos artistas máis polifacéticos do S. XVII. Traballou ó servizo do papado e aínda que as súas obras parten dos elementos clasicistas, introcuce innovacións baseadas no efectismo barroco (elipses, curvas e contracurvas, elementos decorativos de gran profusión, etc...), tratando de crear unha arte grandilocuente que servise para a exaltación do poder papal.

Un baldaquino é unha estrutura exenta  que, a modo de templete, cobre o altar maior nunha igrexa.  Neste caso trátase do baldaquino da basílica de San Pedro do Vaticano, situado sobre o altar e a tumba do apóstolo realizado por Bernini no primeiro terzo do século XVII por  encargo do papa Urbano VIII. 

Corresponde á arte barroca italiana e está realizado en bronce, material que foi espoliado do pórtico do Panteón romano. De aí que se dixese do papa, membro da familia Barberini: quod non fecerunt barbari fecerunt Barberini.

A obra está a medio camiño entre arquitectura e escultura. Esta combinación das artes é propia da arte barroca e recibe o nome de "bel composto".

Poderíase dicir que se trata dunha arquitectura efémera, un gran palio sobre a tumba do Apóstolo, na que se suma a escultura e a pintura en tanto o emprego do bronce natural e dourado outorgar cor ó conxunto.

O baldaquino érguese sobre catro altos podios de mármore, a partir dos cales se levántan columnas salomónicas -así chamadas porque se dicía que eran as que había no templo de Salomón en Xerusalén- divididas por aneis e rematadas en capiteis corintios. A parte parte superior dos fustes recibe decoración vexetal.

Sobre cada soporte un fragmento de entaboamento ó que se unen os catro lados dunha cornixa cóncava en placas de bronce, novamente coas abellas Barberini, moi similar ás telas dun dosel. No alto grandes talos e volutas converxentes rematan a construción, marcando un ritmo ascensional ata a cúspide coa bola do mundo e unha cruz.

O conxunto resulta extremadamente monumental e está dominado por elementos carracterísticamente barrocos como as liñas curvas -columnas, volutas, cornixas-, a profusa decoración, o emprego dunha orde xigante, e os efectos lumínicos que crea a luz ó incidir nos dourados. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario