martes, 28 de abril de 2020

2º BACH (ARTE) - KANDINSKY E A ABSTRACCIÓN


A abstracción é unha corrente pictórica que consiste na eliminación total dos elementos figurativos da obra da arte, reducíndose esta a unha combinación de formas e cores que pouco teñen que ver coa realidade. Supón, polo tanto, a culminación do xiro linguístico que a mediados do século XIX iniciaran pintores como Turner ou Monet, e que continúan a comezos de XX os outros movementos de vangarda como por exemplo o cubismo.

Sen embargo, nestes movementos, aínda que o tema quedase reducido aos seus elementos mínimos, a referencia figurativa sempre se podía recoñecer. O paso definitivo cara a abstracción darao Kansdinsky; a el atribúenselle as primeiras obras abstractas cara a 1910 cando pinta a "primeira acuarela abstracta". 

Con todo, a abstracción non será un movemento unitario, senón unha tendencia desenvolvida por diferentes correntes e artistas, que  rexeitan a figuración usando linguaxes e estilos diferentes que podemos englobar en dúas tendencias: 

-A chamada abstracción lírica ou cromática, desenvolvida por artistas coma Kandinsky, que experimenta en base á forza expresiva da cor. 
-A abstracción xeométrica, que seguen trala Primeira Guerra Mundial  movementos como o Suprematismo o Neoplasticismo ou o construtivismo, baseados na busca de valores esenciais na arte a través da simplicidade n ouso de formas e cores. 

KANDINSKY

Vasily Kandinsky  Compón as súas primeiras obras abstractas a partir de manchas de cor de contornos irregulares e liñas de formas libres, que combinadas harmonicamente han de ser capaces de expresar e transmitir emocións, estimulando a sensibilidade do espectador. A arte afástase definitivamente da representación da realidade e pasa a ser unha operación estética cuxa finalidade é comunicarse co espectador e transmitirlle emocións. En 1912 Kandynsky publica “Do espiritual na arte”, onde expón as súas ideas artísticas, nas que establece unha forte relación entre a pintura e a música. Tralo seu contacto coa arte da vangarda rusa, nos anos vinte evolucionará cara a abstracción xeométrica.

No seguinte vídeo podes ver unha breve explicación dos rasgos que definen a abstracción pictórica. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario