lunes, 13 de abril de 2020

2º BACH (ARTE) - O IMPRESIONISMO I



Impresionismo  é o nome co que se designa  a un movemento pictórico  xurdido en  París no último térzo do S. XIX, cando un grupo de artistas inconformistas, cansos de ser rexeitados  polo “salón”, decidiron organizar unha exposición independente no ano 1874. Desa primeira mostra, na que están presentes Monet, Manet, Renoir e Degas, entre outros, acúñase o nome do movemento, curiosamente cando un xornalista o emprega de xeito despectivo para referirse ó aspecto inacabado do cuadro de Monet “Impresión. Amencer”.  

A pintura impresionista nace como unha evolución sen concesións do Realismo e da Escola paisaxística francesa de finais do século XIX.

O  estilo non deixa de plasmar as transformacións sociais e políticas da súa época:

Por unha banda, o florecemento da burguesía  como novo  grupo social emerxente que trae os seus propios usos e costumes: uns afectan o campo, que deixa de ser un lugar de traballo para converterse nun lugar de lecer. Estas son as excursións campestres retratadas por Monet e Renoir. A cidade, pola contra, convértese nun espazo para a nova clase social: aparecen os flanneurs, paseantes ociosos que  asisten a concertos nos boulevards e os xardíns de París. Tamén cobra relevancia a noite e os seus habitantes, os locais nocturnos, as cantantes de cabaret, o ballet, os cafés, etc. É un mundo fascinante, do cal os impresionistas extraen os seus temas, en especial Degas e Toulouse-Lautrec. Porque para eles termináronse os temas grandiosos do pasado. Por último, a industrilización e os seus efectos foi obxecto da obra de Monet en taboas como “ a estación de san lázaro” ou “impresión amencer” na que se amosan as atmósferas vaporosas das estacións de ferrocaril e os portos.

Precisamente as innovacións da industria, proporcionan ós artistas variados pigmentos e clases de pinturas que agora os pintores xa non teñen que preparar no seu estudo e bríndalle posibilidade (grazas a invención do óleo en tubo) de pintar ao aire libre que revela unha nova realidade, unha realidade chea de luz, grazas a cuxa proxección é posible a cor. 

As principais características da súa pintura  pódense resumir do seguinte xeito:

1)Preferencia pola pintura ao aire libre: Se exceptuamos a Degas e a Toulouse-Lautrec, que non pertence propiamente ao movemento, os impresionistas manifestan unha calase paixón pola natureza e pola pintura de plein air (aire libre) aspecto co que coinciden con outros movementos do século XIX (Romanticismo, Escola de Barbizon etc).

 2)Importancia da luz: As investigacións dos impresionistas sobre a cor lévanlles a abandonar o negro -que non existe na natureza- utillizando unha paleta clara e luminosa (rosas, brancos, azuis, rosas...) mesmo para as sombras. Posteriormente chegarán ao convencemento de que a cor non existe como tal senón que o importante é a interacción aire-luz. A súa obsesión é entón captar a luz real, a luz é o verdadeiro tema do cadro e non os obxectos.

3)Renovación temática: fronte á preocupación social dos realistas, o Impresionismo valora o banal, o cotián. Paisaxes, vistas urbanas, bailes, ballets, carreiras de cabalos... son os temas predilectos. En xeral abandónase todo compoñente literario, toda historia. Os cadros impresionistas non contan nada, limítanse a representar "o que está aí"

4)Teoría das cores: Os descubrimentos dos físicos Rood e Chevreul sobre a luz e a cor serán aplicados á pintura polos impresionistas que traballan a base de cores primarias e complementarias pero sen mesturalos na paleta. O pintor dispón sobre o lenzo as pinceladas e deixa que sexa o ollo do espectador o que as mesture e "reconstrúa" a luz.

5)Técnica: A técnica dos impresionistas caracterízase polas súas soltura e lixeireza, converténdose en técnica final o que antes se consideraba bosquexo. Nisto inspíranse na técnica de grandes mestres históricos ( Tizano, Velázquez, Rembrandt, Goya) en cuxas etapas de madurez aparece con frecuencia a factura lixeira e abocetada característica do impresionismo.

Hai con todo diferenzas entre os distintos pintores; desde a pincelada miúda e construtiva de Pisarro ou Monet ata a alongada e llameante de Van Gogh na súa última etapa, hai todo un mostrario de variantes que dan lugar mesmo a subgrupos dentro do impresionismo (como o " puntilllismo" practicado por Seurat ou Signac).

PRINCIPAIS PINTORES IMPRESIONISTAS

Edouard MANET (1832-1883) De formación tradicional ( viaxa a España e coñece a pintura de Velásquez e Goya) é considerado como precursor do impresionismo , aínda que non participase directamente no grupo. Obras claves: Almorzo na Herba e Olimpia.

Claude MONET (1840-1926); presenta todos os trazos ou características do movemento impresionista ao que se manterá fiel. Temas fundamentais : as paisaxes pintadas ao aire libre (rurais e urbanos). En realidade o seu auténtico tema é observar como a luz provoca cambios na cor e as formas que ás veces parecen case disolverse ( desaparecer . Por iso realiza “ series” que responden o desexo de pintar varias veces o mesmo motivo , pero a diferentes horas do día ou con luces distintas Entre as principais “series” atópanse: Estación de San Lázaro, Catedral de Rouen ou os nenúfares. 

Edgar DEGAS (1834- 1917). Mantén a importancia do debuxo. Prefire situar as escenas en interiores e con luz artificial. As súas composicións buscan captar o movemento . Temas bailarinas e carreiras de cabalo.

Auguste RENOIR ( 1841-1919.) Os seus cadros caracterízanse pola visión optimista e alegre da vida, por este motivo a diferenza doutros impresionistas case sempre está presente a figura humana e os efectos da luz sobre ela. Mestre en utilizar amplamente o contraste entre cores cálidas e fríos cunha técnica de toques Destacan as escenas da vida urbana, como “ Moulin da Galette “ ou os Remeiros.


Bertha MORISSOT (1841-1895) Desenvolveu unha carreira artística profesional durante máis de tres décadas. A súa pintura, moi ligada á súa propia vida e á das persoas que a rodeaban, mostra a súa contorna  cunha gran naturalidade. A pesar de que ata finais do século XX, a historia da arte relegara a súa historia e participación a un segundo plano, ambos o seu talento e habilidade, valéronlle o respecto e recoñecemento públicos dos seus colegas homes contemporáneos, sendo considerada“a gran dama da pintura” do século XIX.

A continuación podes ver un vídeo explicativo. 



A principal colección de obras de pintores impresionistas atópase no museo d'Orsay. Podes ver o seu catálogo facenclo click no LINK

No hay comentarios:

Publicar un comentario